Prólogo | Capítulo I | II | III | IV | V | VI


Estatutos da Real Academia Galega

A Coruña, 2001

 

PRÓLOGO

A creación da Academia Galega o día 4 de setembro de 1905 na Casa do Consulado da Coruña foi o resultado do intelixente e xeneroso impulso procedente da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, creada en Cuba por un grupo de patriotas da cultura entre os que destacan Xosé Fontenla Leal, polo seu entusiasmo e capacidade organizadora, e Manuel Curros Enríquez, pola súa auctoritas de poeta civil. É ben posible que a Academia non chegase a nacer e consolidarse sen o pulo e a axuda económica permanente dos galegos emigrados a Cuba.

O 25 de agosto de 1906 o rei de España aprobaba os primeiros estatutos e concedíalle o título de Real. É a segunda Academia da Lingua máis antiga de España e Manuel Murguía foi o seu primeiro Presidente.

A primeira preocupación desta corporación foi lexicográfica e gramatical pero non estiveron ausentes as preocupacións literarias, arqueolóxicas e históricas, porque se necesitaba unha Academia que acelerase o rexurdimento global da cultura de Galicia.

Os entusiastas traballos da Academia víronse axiña complementados polos das Irmandades da Fala, da Xeración Nós e mais do Seminario de Estudos Galegos. Pero o silenciamento de orixe bélica entre 1936 e 1949 foi duro para todos e tamén foi duro e duradeiro na Academia; e mesmo así, dende 1949 a cultura galega volveu dar síntomas de vitalidade no eido editorial, no museístico, no universitario e finalmente, trala chegada da autonomía, no institucional: todo isto fixo que hoxe, case cen anos despois, estean feitos ou moi avanzados moitos dos traballos para os que se creou a Real Academia Galega. A vixente Constitución española (1978) recoñécelle á lingua galega o carácter de cooficial en Galicia, mentres que o Estatuto de Autonomía de Galicia (1981) e a Lei de Normalización Lingüística (1983) obrigan o Goberno galego a traballar activamente na promoción e defensa desta lingua e desta cultura.

O galego ten hoxe un estándar ortográfico e gramatical único, estable e suficientemente consolidado, codificado pola Academia coa colaboración do Instituto da Lingua Galega. As normas facilitaron moito o seu ensino masivo e a intensa producción cultural. A lingua propia de Galicia, presente tamén nos medios de comunicación, está hoxe estudiada, prestixiada e difundida internacionalmente gracias ó traballo altamente especializado de numerosas persoas, non sempre membros desta Academia.

A función da Real Academia Galega mudou nestes case cen anos. Hoxe xa non é o único ámbito de estudio científico ou de promoción da lingua e cultura galega, senón que comparte esa tarefa co Goberno de Galicia, cos traballadores de tódolos niveis do ensino e da investigación, con múltiples e dinámicas asociacións e entidades culturais e con numerosas iniciativas privadas. E, sen embargo, unha lei de 1983 outorgoulle a esta Corporación unha auctoritas lingüística que debe exercer no ámbito normativo. Os presentes estatutos amplían esta responsabilidade ó estudio científico e á difusión da lingua.

Tamén a situación da lingua galega mudou nestes case cen anos. O impresionante abandono do mundo rural, que durante mil anos fora o seu feudo, provocou a necesidade de facela igualmente fluída nas complexas estructuras da vida urbana. E nesta loita cultural os falantes teñen que facer fronte a vellas inercias, á moderna globalización e ó carácter unidirecccional dos medios de comunicación. Os problemas son novos e a situación moi distinta da que tiñan diante os fundadores da Academia. A estas novas demandas, que están vencelladas ó porvir da lingua, deben responder tamén os traballos da Academia.

Por todo o exposto, a Real Academia Galega ten a obriga moral e cultural de constituírse nun futuro nunha institución centrada no idioma galego; razón pola cal os membros que a constitúan deberán provir, en boa parte, das disciplinas lingüísticas e literarias, se ben a Academia deberá ter no seu seo persoas moi relevantes noutros saberes, moitos dos cales (Historia, Belas Artes, Medicina, Ciencias naturais, etc.) son, en ocasións, esenciais para resolvermos problemas lingüísticos; léxicos, sobre todo. A Academia Galega realizará cantos estudios lingüísticos e literarios foren necesarios, para, en cada momento, establece-los criterios idiomáticos que configuren a norma culta do idioma.

Precísanse ideas novas, traballos novos e mesmo persoas novas. Por iso dende 1985 a R.A.G. puxo en marcha unha profunda renovación, entre outras cousas, dos seus estatutos (que, por diversas circunstancias, non deu culminado ata o 25 de febreiro do ano 2000) e do novo Regulamento de Réxime Interno, aprobado en sesión de 4 de novembro do 2000 e refrendados na do 13 de xaneiro do 2001.

Aprobado no Plenario do 17.3.2001

ESTATUTOS DA REAL ACADEMIA GALEGA

Aprobados pola R.A.G. en sesión extraordinaria do 3.6.1999

Aprobados por Real Decreto 271/2000 de 25 de febreiro

BOE 4.3.2000 (edición en castelán)

BOE 31.3.2000. Suplem. nº 5 (edición en galego)


REAL DECRETO 271/2000, do 25 de febreiro, polo que se aproban os estatutos da Real Academia Galega.

Os estatutos primitivos da Real Academia Galega, aínda vixentes, datan de 1906 e foron promovidos pola Asociación Iniciadora e Protectora da Academia na Habana cuns fins entre os que figuraban a protección e difusión da lingua galega.

O tempo transcorrido desde entón e a propi evolución da sociedade fan necesario redactar uns novos estatutos que se adapten á realidade actual, redefinindo o traballo que lle corresponde a esta institución que, prioritariamente, está constituído polas cuestións relativas á normativa, actualización e uso correcto da lingua galega, función que lle é encomendada na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, aprobada unanimemente polo Parlamento de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do ministro de Educación e Cultura, de conformidade co informe do Instituto de España e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 25 de febreiro de 2000,

D I S P O Ñ O :

Artigo único. Aprobación dos estatutos.

Apróbanse os estatutos da Real Academia Galega, que figuran como anexo a este real decreto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.

Quedan derrogados os estatutos da Real Academia Galega, aprobados por Real decreto do 25 de agosto de 1906.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Este real decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no «Boletín Oficial del Estado».

Dado en Madrid o 25 de febreiro de 2000.

JUAN CARLOS R.

O ministro de Educación e Cultura,

MARIANO RAJOY BREY


ANEXO

ESTATUTOS DA REAL ACADEMIA GALEGA

 

CAPÍTULO ISubir

Denominación, fins, ámbito e domicilio

Artigo 1

A Real Academia Galega é unha institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudio da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego.

Artigo 2

Son finalidades da Real Academia Galega:

a) Establece-las normas referidas ó uso correcto da lingua galega, conforme o disposto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, do Parlamento de Galicia, nomeadamente:

1.- A elaboración da norma gramatical, ortográfica e fónica.
2.- O inventario do léxico e a proposta dun diccionario de uso.
3.- A modernización e actualización do léxico.

b) Estudiar e propo-la restauración da onomástica galega.

c) Velar polos dereitos do idioma galego.

d) Defender e promove-lo idioma galego.

e) Asesora-los poderes públicos e institucións sobre temas relacionados co uso correcto da lingua e coa súa promoción social.

f) Estudiar e dar a coñece-lo patrimonio literario e documental da institución.

g) Decidi-la personalidade literaria á que cada ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

A Real Academia Galega levará a cabo, coa periodicidade que se estableza, sesións de traballo destinadas ó cumprimento destas finalidades.

Artigo 3

A lingua propia da Real Academia Galega é o galego.

Artigo 4

Enténdese por idioma galego o propio de Galicia, así coma as súas variantes faladas nos territorios exteriores (Asturias, León e Zamora).

Artigo 5

A Real Academia Galega ten personalidade xurídica propia e, en consecuencia, plena capacidade para o cumprimento dos seus fins e en concreto para:

a) Establecer relacións e asinar acordos con outras institucións científicas e culturais.

b) Adquirir e posuír bens de todo tipo a título oneroso ou gratuíto, obrigarse por contrato con calquera persoa pública ou privada e exercer accións conforme dereito.

c) Dispor libremente dos seus recursos económicos, que proceden de subvencións institucionais ou doazóns e do patrimonio propio, para levar a cabo as súas finalidades, sen prexuízo do rendemento de contas a quen e cando for procedente.

Artigo 6

O domicilio social da Real Academia Galega está na cidade da Coruña, no edificio número 11 da rúa Tabernas, e poderá establecer delegacións, especialmente dentro do seu ámbito lingüístico.

 

CAPÍTULO IISubir

Organización

Artigo 7

A Academia componse de académicos de honra, de número e correspondentes.

Artigo 8

Os académicos de número son trinta. Son membros numerarios os que, elixidos polo Pleno, gozan de tódolos dereitos e teñen tódalas obrigas previstas nestes estatutos e nos regulamentos da institución. A condición de académico de número perderase cando se produza o traslado definitivo do académico fóra do territorio do dominio lingüístico galego. Neste caso pasará a académico de honra.

Artigo 9

A Real Academia Galega poderá nomear académicos de honra aquelas persoas que teñan prestado valiosos servicios a Galicia nos ámbitos dos que se ocupa a institución.

Artigo 10

Son académicos correspondentes aqueles que, nomeados polo Pleno, colaboran nas tarefas científicas da institución, e non participan nos órganos de goberno. O seu número é de sesenta.

Artigo 11

A condición de académico é vitalicia e perderase a pedimento propio, ou por decisión do Pleno, logo de audiencia do interesado, por incumprimento das obrigas ou por falta grave contra a institución.

Artigo 12

O procedemento de elección de académicos rexerase polo establecido no Regulamento de réxime interno da Real Academia Galega. Para ser candidato será necesaria a presentación por parte de tres académicos de número.

Artigo 13

Os órganos de goberno da Real Academia Galega son de dous tipos: colexiados e unipersoais. Son órganos colexiados: o Pleno e a Comisión Executiva. Son órganos unipersoais: o presidente, o secretario, o tesoureiro, o arquiveiro-bibliotecario e o vicesecretario.

 

CAPÍTULO IIISubir

Obrigas dos académicos

Artigo 14

Os elixidos académicos de número adquirirán a condición de tales despois da lectura do discurso de ingreso.

Artigo 15

Os académicos de número serán elixibles para tódolos cargos da Academia, e teñen a obriga de asistiren ás xuntas e reunións, participaren nas votacións regulamentarias e tomaren parte nas tarefas de investigación da institución e noutras que se lles encomenden.

Artigo 16

Os académicos correspondentes están obrigados a cooperar cos fins da Real Academia Galega, cumprindo os encargos e comisións que se lles confíen.

 

CAPÍTULO IVSubir

Dos órganos de goberno, das súas funcións e do seu funcionamento

Artigo 17

O Pleno está constituído polos académicos de número e reunirase en Xuntas ordinarias e extraordinarias.

Artigo 18

A Xunta ordinaria terá lugar polo menos cada dous meses.

Artigo 19

As Xuntas extraordinarias serán de carácter público ou privado.

Artigo 20

As Xuntas extraordinarias de carácter público terán lugar con motivo da toma de posesión dos novos académicos de número, homenaxes, conmemoracións e actos en xeral que, a xuízo da Comisión Executiva, deban ser revestidos de especial solemnidade.

Artigo 21

As Xuntas extraordinarias de carácter privado terán lugar cando o considere oportuno a Comisión Executiva, para tratar algún tema de carácter especial, ou ben a pedimento dun tercio dos membros de número.

Artigo 22

As Xuntas, calquera que sexa o seu carácter, serán convocadas polo presidente con oito días de anticipación, e a elas deberán asistir tódolos académicos de número. Para que se poida constituír será necesaria a presencia da metade dos membros máis un en primeira convocatoria, e en segunda convocatoria constituirase cos membros presentes. Os acordos serán tomados pola maioría que se determine no regulamento, segundo a importancia dos asuntos. Non son válidos os votos delegados.

Artigo 23

As Xuntas da Academia serán dirixidas polo seu presidente e, na súa ausencia, polo secretario. Neste último caso, o vicesecretario desempeñará as funcións de secretario.

Artigo 24

A Comisión Executiva está constituída polo presidente, o secretario, o tesoureiro, o arquiveiro-bibliotecario e o vicesecretario. Reuniranse tantas veces como dispoña o presidente e, polo menos, unha vez ó mes. A Comisión Executiva actúa por delegación do Pleno, exerce o goberno da institución e é a encargada de establece-la orde do día das Xuntas. Tódolos cargos son elixidos polo Pleno por un período de catro anos, e son reelixibles consecutivamente unha soa vez, por idéntico prazo, na mesma función. A elección farase por votación secreta en Xunta extraordinaria privada dedicada a esta finalidade concreta. Para que a elección sexa válida será preciso que o candidato obteña a maioría absoluta de votos. Se ningún candidato obtiver esta maioría procederase a unha segunda votación na que abondará a maioría simple.

Artigo 25

Corresponde ó presidente:

a) Convocar e presidi-las reunións da institución.

b) Velar polo cumprimento dos seus estatutos, regulamentos e acordos.

c) Representa-la institución ante toda clase de entidades públicas ou privadas.

d) Exerce-las demais facultades que se lle confiran polos regulamentos e acordos da institución.

e) En ausencia do presidente asumirá as súas funcións o secretario e, en ausencia deste, o académico máis antigo e, en caso de igual antigüidade, o de maior idade.

Artigo 26

Corresponde ó secretario:

a) Redacta-la acta de cada sesión, dar lectura dela e asinala co visto e prace do presidente, despois de aprobada.

b) Custodia-lo libro de actas, e leva-lo rexistro de tódolos académicos co historial de cada un.

c) Exerce-la xefatura do persoal de administración e membros non académicos.

d) Encargarse da correspondencia e do seu rexistro, e dar conta dela nas sesións.

e) Redacta-la memoria anual e presentala á Academia na sesión correspondente.

f) Substituí-lo presidente en ausencia deste. Neste caso as funcións de secretario serán asumidas polo vicesecretario e, en ausencia deste, polo académico máis recente.

g) Desempeña-las demais funcións que se lle confiran polos regulamentos e acordos do Pleno.

Artigo 27

Corresponde ó tesoureiro:

a) Responsabilizarse do patrimonio da institución.

b) Responsabilizarse da contabilidade da institución.

c) Recada-las cantidades que por calquera concepto perciba a institución.

d) Efectua-los pagamentos.

e) Render contas semestralmente ó Pleno da Academia, sen prexuízo de facelo ó presidente ou á Comisión Executiva sempre que for requirido para iso.

Artigo 28

Corresponde ó arquiveiro-bibliotecario:

a) Velar pola conservación e ordenación de libros, manuscritos e documentos da institución.

b) Coordina-la adquisición de fondos bibliográficos e documentais.

c) Facilita-lo acceso a tales libros, manuscritos e documentos, conforme as normas que se establezan en regulamento especial.

d) Dar conta en cada sesión das novas adquisicións.

Artigo 29

Corresponde ó vicesecretario:

a) Substituí-lo secretario en ausencia deste.

b) Auxilia-lo secretario en tódalas funcións que este lle encomende.

 

CAPÍTULO VSubir

Fondos da Academia

Artigo 30

Os fondos da Academia están constituídos por:

a) Doazóns de toda índole que con tal finalidade realizaren as administracións públicas, corporacións, institucións e particulares.

b) O producto das publicacións e traballos da Academia.

c) Aqueloutros fondos que puider arbitra-la Academia.

 

CAPÍTULO VISubir

Das modificacións, derrogación e desenvolvemento dos estatutos

Artigo 31

Os presentes estatutos non poderán ser derrogados nin modificados a non ser pola Academia reunida para tal efecto en Xunta extraordinaria. Será necesario para a súa derrogación ou modificación o voto favorable de dous tercios dos académicos.

Artigo 32

As disposicións destes estatutos serán desenvolvidas nos oportunos regulamentos.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete