A Academia celebra en Ferrol o Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega celebrará o sábado 31 de outubro o Día das Letras Galegas de Ricardo Carvalho Calero (1910-1990) en Ferrol, cadrando coa celebración do 110 aniversario do seu nacemento nesta cidade. O pleno extraordinario da institución terá lugar a partir das 12:30 horas no teatro Jofre, onde o homenaxeado gozou dende neno dos espectáculos teatrais e do cinema. O acto incluirá catro alocucións sobre a vida e o legado intelectual do homenaxeado a cargo da académica Margarita Ledo Andión e dos académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei. A sesión poderá seguirse en directo a través de academia.gal.
Ricardo Carvalho Calero retratado por Moncho Rama


A tradicional sesión do Día das Letras Galegas non puido celebrarse o pasado 17 de maio debido ás medidas adoptadas no marco do estado de alarma decretado por mor da pandemia de coronavirus. No seu lugar, a Real Academia Galega rendeulle homenaxe ao primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega, escritor e académico ante á súa casa familiar de Santiago de Compostela, a cidade onde fora estudante, á que regresou en 1965 para se converter no primeiro profesor universitario de galego da Universidade de Santiago de Compostela e onde viviu en diante ata o seu pasamento en 1990.

Celebración na Rede
Desta volta, o acto central das Letras Galegas terá lugar na cidade que viu nacer e medrar a Ricardo Carvalho Calero o 30 de outubro de 1910, e á que regresou tras a guerra civil antes de iniciar a súa etapa luguesa en 1950. A RAG regresa así a Ferrol, onde o pasado mes de febreiro abriu o calendario de actos que lle dedica ao autor da man da comunidade educativa do CEIP Cruceiro de Canido, onde presentou o proxecto Primavera das Letras, que fornece a través de Internet as familias e os centros escolares de contidos lúdicos e didácticos arredor da figura homenaxeada. En pleno confinamento, este espazo gañou un protagonismo especial xunto a outras iniciativas da Academia como a serie de micropezas audiovisuais Unha palabra para don Ricardo ou o Portal das Palabras.

Simposio e edición do epistolario de Carvalho e Otero Pedrayo
O pleno extraordinario poralle o ramo a un mes ao longo do cal a Real Academia Galega está a celebrar o simposio das Letras Galegas 2020. O programa rematará o 29 de outubro cunha sesión sobre as ideas lingüísticas de Carvalho Calero na que participarán os académicos Henrique Monteagudo e Rosario Álvarez, o presidente da AGAL, Eduardo Maragoto, e o investigador Serafín Alonso Pintos. As anteriores xornadas profundaron na traxectoria vital e na obra literaria e os estudos literarios do autor da man dos especialistas en Carvalho Calero, e na etapa histórica que viviu, Carmen Blanco, Justo Beramendi, José-Martinho Montero Santalha, Dolores Vilavedra Pilar García Negro e Alberte Valverde.

A celebración do Ano Carvalho Calero continuará ata finais de 2020 coa presentación do epistolario que recolle as cartas que intercambiaron Ramón Otero Pedrayo e o propio Carvalho Calero e a resolución do concurso Contádenos o voso Día das Letras, entre outras iniciativas.

Novas da Academia

Subscríbete