A Real Academia Galega aproba os nomes normalizados das constelacións

A Real Academia Galega dá un paso máis na mellora do vocabulario técnico da astronomía coa aprobación dunha proposta normalizada e oficial dos nomes das oitenta e oito constelacións recoñecidas pola Unión Astronómica Internacional. A listaxe, dispoñible nesta ligazón, é froito da colaboración entre o Seminario de Terminoloxía e o equipo composto por Salvador Bará, profesor da área de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela; Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío; e o físico Dosi Veiga, impulsor de Ceos Galegos. O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, o coordinador do Seminario de Terminoloxía, o académico Manuel González; e o director de Cultura do Concello da Coruña, Rómulo Sanjurjo, presentaron hoxe o resultado deste traballo na Casa das Ciencias nun acto que concluíu ollando a recreación do ceo do planetario con Martin Pawley como guía.
Pola esquerda, Martin Pawley, Manuel González, Víctor F. Freixanes, Rómulo Sanjurjo e Marcos Pérez Maldonado


"Esta iniciativa paréceme importante polo que significa de seguir a profundar nos traballos que a RAG realiza a prol da incorporación da lingua galega ao ámbito científico, mesmo colaborando con especialistas e institucións que achegan os seus coñecementos, e aos que agradecemos especialmente o seu traballo", valorou Víctor F. Freixanes. "A lingua é un patrimonio que enriquecemos entre todos, cadaquén dende a súa especialización", salientou.

A humanidade comezou a nomear os grupos de estrelas hai moitos séculos co propósito de se orientar ollando o ceo. Ptolomeo describiu no século II a. C. no tratado Hè megalè syntaxis un total de 48. Doce delas son as zodiacais, que figuran entre as máis coñecidas: Augadeiro, Carneiro, Cangrexo, Capricornio, Xemelgos, León, Balanza, Peixes, Arqueiro ou Seteiro, Escorpión, Touro e Virxe. Entre as outras 36 abondan as que levan nomes de seres mitolóxicos como Perseo, Andrómeda, Hércules, Orión, Dragón ou Boieiro; e doutros animais (Lobo, Lebre, Serpe...) cuxas siluetas tamén serían evocadas pola unión das estrelas que as compoñen mediante liñas imaxinarias.

As designadas con nomes de animais exóticos, como Grou, Tucano, Peixe Voador, Camaleón ou Dourado, constitúen outro grupo de constelacións identificadas na súa maior parte no século XVI por navegantes. No século XVIII, o astrónomo francés Nicolas Louis de Lacaille albiscou as 14 últimas constelacións, para as que escolleu nomes de instrumentos científicos como Escuadro, Telescopio, Microscopio, Octante ou Retículo. A delimitación definitiva foi realizada fundamentalmente polo belga Eugène Joseph Delporte e aprobada pola Unión Astronómica Internacional en 1930. A relación de nomes das constelacións aprobada pola Real Academia Galega inclúe xunto a cada forma galega o seu equivalente latino, o empregado a nivel internacional pola comunidade científica, e a abreviatura correspondente.

"Un avance cara á normalización no ámbito da astronomía"
Manuel González salienta tamén o valor normalizador deste traballo. Desde que a delimitación definitiva das constelacións foi aprobada pola Unión Astronómica Internacional bebendo dos nomes latinos —explica—, son moitas as linguas que incorporaron unha versión propia ao seu vocabulario técnico. "Para o galego existían, desde hai certo tempo, distintas propostas, pero careciamos dunha normalizada e oficial. E iso é o que ofrecemos agora, despois dun traballo rigoroso de todas as partes", indica o coordinador do Seminario de Terminoloxía.
Salvador Bará, Martin Pawley e Dosi Veiga presentaron unha proposta global cos oitenta e oito nomes á Real Academia Galega, que estudou a través do Seminario de Terminoloxía denominación por denominación. "A maioría dos nomes foron ratificados tal como figuraban na proposta. Só nuns poucos casos foron modificados segundo o criterio da RAG. O resultado final foi consensuado e aceptado por todos os participantes no traballo, e consideramos que constitúe un avance de cara á normalización e estandarización terminolóxica galega do ámbito da astronomía", conclúe Manuel González.

"Tratamos de consolidar unha listaxe de nomes para as constelacións claramente asociados tanto á súa orixe etimolóxica como ao debuxo que definen no ceo", detalla Martin Pawley, que incide igualmente no valor normalizador de traballos coma este. "É fundamental a normalización do uso do galego na comunicación e na divulgación da ciencia", considera. O léxico das constelacións súmase á revisión das entradas do dicionario en liña da RAG relacionadas coa astronomía realizada en 2017 contando tamén coa colaboración de Salvador Bará e Martin Pawley; e a outras actualizacións como a do vocabulario matemático ou dos nomes dos elementos químicos, desenvolvidas igualmente con expertos nestes eidos científicos.

Os nomes das constelacións

Nome galego Abrev. Nome latino
Andrómeda And Andromeda
Máquina Pneumática Ant Antlia
Ave do Paraíso Aps Apus
Augadeiro Aqr Aquarius
Aguia ~ Aiga Aql Aquila
Altar Ara Ara
Carneiro Ari Aries
Auriga Aur Auriga
Boieiro Boo Bootes
Cicel Cae Caelum
Xirafa Cam Camelopardalis
Cangrexo Cnc Cancer
Cans de Caza CVn Canes Venatici
Can Maior CMa Canis Maior
Can Menor CMi Canis Minor
Capricornio Cap Capricornus
Quilla Car Carina
Casiopea Cas Cassiopeia
Centauro Cen Centaurus
Cefeo Cep Cepheus
Balea Cet Cetus
Camaleón Cha Chamaeleon
Compás de Debuxo Cir Circinus
Pomba Col Columba
Cabeleira de Berenice Com Coma Berenices
Coroa Austral CrA Corona Australis
Coroa Boreal CrB Corona Borealis
Corvo Crv Corvus
Copa Crt Crater
Cruz do Sur Cru Crux
Cisne Cyg Cygnus
Golfiño Del Delphinus
Dourado Dor Dorado
Dragón Dra Draco
Cabaliño Equ Equuleus
Erídano Eri Eridanus
Forno For Fornax
Xemelgos Gem Gemini
Grou Gru Grus
Hércules Her Hercules
Reloxo Hor Horologium
Hidra Hya Hydra
Hidra Austral Hyi Hydrus
Indio Ind Indus
Lagarto Lac Lacerta
León Leo Leo
León Menor LMi Leo Minor
Lebre Lep Lepus
Balanza Lib Libra
Lobo Lup Lupus
Lince Lyn Lynx
Lira Lyr Lyra
Monte da Mesa Men Mensa
Microscopio Mic Microscopium
Unicornio Mon Monoceros
Mosca Mus Musca
Escuadro Nor Norma
Octante Oct Octans
Serpentario ~ Ofiuco Oph Ophiuchus
Orión Ori Orion
Pavón Pav Pavo
Pegaso Peg Pegasus
Perseo Per Perseus
Ave Fénix Phe Phoenix
Cabalete de Pintor Pic Pictor
Peixes Psc Pisces
Peixe Austral PsA Piscis Austrinus
Popa Pup Puppis
Compás Pyx Pyxis
Retículo Ret Reticulum
Frecha ~ Seta Sge Sagitta
Arqueiro ~ Seteiro Sgr Sagittarius
Escorpión Sco Scorpius
Escultor Scl Sculptor
Escudo Sct Scutum
Serpe Ser Serpens
Sextante Sex Sextans
Touro Tau Taurus
Telescopio Tel Telescopium
Triángulo Tri Triangulum
Triángulo Austral TrA Triangulum Australe
Tucano Tuc Tucana
Osa Maior UMa Ursa Maior
Osa Menor UMi Ursa Minor
Velame Vel Vela
Virxe Vir Virgo
Peixe Voador Vol Volans
Raposiña Vul Vulpecula

Novas da Academia

Subscríbete