As Irmandades da Fala nos fondos da Academia
A Real Academia Galega abre este novo espazo web co gallo do centenario das Irmandades da Fala, fundadas o 18 de maio de 1916 no local que tiña daquela esta institución na rúa Rego de Auga da Coruña. A institución ofrece en versión dixital publicacións e documentos que conserva relacionados con este movemento fundamental na defensa da lingua galega.
VILLAR PONTE, Antón.
Nacionalismo gallego. Nuestra "afirmación" regional.
A Coruña, 1916.
O 21 de marzo de 1916 saíu do prelo a primeira edición de Nacionalismo gallego. Nuestra ‘afirmación regional'. Antón Villar Ponte defendía neste folleto o uso do galego en todos os contextos e indicaba que urxía fomentar o desenvolvemento da "Liga de Amigos del Idioma". Escribiuse "por razones de propaganda" en castelán.
Descargar PDF
VAAMONDE, Florencio.
Con data do 16 de maio de 1916, Florencio Vaamonde escribiulle a Antón Villar Ponte unha carta para agradecerlle o envío dun exemplar de Nuestra afirmación regional e comentarlle o seu parecer sobre o contido da obra. A carta consérvase no Arquivo da Academia.
Descargar PDF
Irmandades da Fala da Coruña.
Regramento das "Irmandades da Fala". Irmandade da Cruña.
A Coruña, 1918.
A Irmandade de Amigos da Fala da Coruña, a primeiras das Irmandades da Fala que se constituíu, publicou o seu regulamento en 1918 nesta edición saída da imprenta La Papelera Gallega.
Descargar PDF
PORTEIRO GAREA, Lois.
Discurso do Dr. Porteiro ô fundarse a Hirmandá en Santiago.
A Coruña, 191?.
O 28 de maio de 1916 Lois Porteiro Garea pronunciou este discurso na xuntanza fundacional da Irmandade da Fala compostelá. A conferencia foi editada por primeira vez na Tipografía Galaica de Santiago. Este exemplar inclúe na portada unha dedicatoria do propio autor a Villar Ponte.
Descargar PDF
PORTEIRO GAREA, Lois.
A los gallegos emigrados.
A Coruña, 1918.
As Irmandades da Fala procuraron novos apoios ás súas reivindicacións entre "os americanos". Así eran coñecidos os emigrantes galegos da época, aos que Luís Porteiro Garea se dirixe neste folleto.
Descargar PDF
QUINTANILLA, Xaime.
Donosiña.
Manuscrito asinado o 20 de maio de 1919 en Ferrol.
Estreada o 7 de abril de 1920 no Teatro Xofre, Donosiña é boa mostra dos novos aires que as Irmandades da Fala quixeron imprimirlle á dramaturxia. A RAG conserva o manuscrito desta obra de teatro envolta na polémica, consultable en versión dixital neste espazo.
Descargar PDF
VALCÁRCEL, Antonio.
O municipio galego.
A Coruña, 1917.
O folleto recolle a conferencia de irmán Antonio Valcárcel na que defende a "importancia inmensa" que ten para Galicia o municipio, "o altare da cibdadanía", e a súa adaptación ás necesidades do país. O exemplar está dedicado polo autor a Antón Villar Ponte.
Descargar PDF
VILLAR PONTE, Antón.
O sentimento liberal na Galiza.
A Coruña, 1932.
Documento mecanografado, con correccións manuscritas, que recolle unha versión do discurso co que Antón Villar Ponte ingresou na RAG dous anos despois, en 1934. No espazo Discursos desta web pode accederse á edición do texto realizada co gallo do oitenta aniversario da súa entrada na Academia.
Descargar PDF